¿Qué é a pesca?

Ao longo da historia, o home desenvolveu unha serie de técnicas para capturar peixes ou outros animais que viven na auga, dende a extracción a man ata o emprego de anzois, redes, trampas, arpóns ou velenos.

A pesca é unha actividade dirixida á captura de peixes; cando se exerce sobre crustáceos ou moluscos denomínase marisqueo. Ao longo da historia, o home desenvolveu unha serie de técnicas para capturar peixes ou outros animais que viven na auga, dende a extracción a man ata o emprego de anzois, redes, trampas, arpóns ou velenos. Chámanse artes os medios que se usan para a captura. Con frecuencia o home tamén se valeu doutros elementos que teñen unha función indirecta na captura, como embarcacións, motores, cabrestantes, etc.

O claro carácter perecedoiro do peixe fixo que o home buscase métodos de conservación co obxectivo de eliminar ou inhibir o crecemento de microorganismos. Así, desenvolvéronse técnicas como o secado, a salga, o afumado ou o escabeche que permitiron adiar o seu consumo. Polas posibilidades que ofrecía de ser conservado, almacenado e transportado, moitas comunidades de beiramar deixaron de ver o peixe como un producto só para autoconsumo e comezaron a consideralo como obxecto de comercio. Daquela xurdiron pescarías cunha clara finalidade comercial, como a do bacallau de Terranova, capturado para ser salgado ou secado; a do arenque do Báltico, destinado a ser afumado; ou a da sardiña galega, pescada para ser primeiro salgada e, en tempos máis achegados, enlatada. Nos derradeiros séculos, as melloras nos transportes e o frío artificial permitiron a ampliación dos mercados de peixe fresco.


Xunta de Galicia

Museo do Mar de Galicia

Avenida Atlántida 160. 36208 Vigo.
T 986247750
F 986247748
Facebook | Twitter | Contacto | Traballa con nós | Amigos do Museo do Mar