Fotografía de Mario Sánchez Fotografía de MGM_Photos

Fotografía de MGM_Photos


As Illas Cíes

Á entrada da ría de Vigo, e protexéndoa das inclemencias do Océano Atlántico, están as Illas Cíes.

O arquipélago está formado por tres illas, Monte Agudo ou Norte, Faro, e San Martiño ou Sur, así como por varios illotes pequenos, a Agoeira, Penela dos Viños, Garabelos e Ruzo. O seu litoral caracterízase pola presenza de praias areosas, acantilados e furnas.

Podemos sinalar como elementos máis significativos a praia de Rodas, a cal actúa de ponte natural entre as illas Monteagudo e Faro, e o lago dos Nenos, refuxio de cría de peixe e outros animais acuáticos. As especies máis abundantes no parque son a gaivota común e o corvo mariño. Ademáis delas podemos atopar outras aves como o azor, o falcón peregrino e o corvo. Tamén abundan os mamíferos como o coello, o ourizo e algúns exemplares de machos de cabra cimarrón. Nos fondos submarinos destacan os fondos de Mäerl, constituídos pola alga calcaria Lithothamnion. Nos acantilados e nas rochas conviven numerosas colonias de percebe e mexilón, así como praderías de anémonas e ourizo de mar, e nas inmensas praias submarinas, soias, rodaballos, linguados e moluscos bivalvos.

As Illas Cíes estiveron poboadas dende o Paleolítico. O Castro das Hortas, da Idade do Bronce, é a primeira construcción que se coñece. Tamén existen restos de asentamentos romanos, e da Idade Media consérvanse as primeiras construcións relixiosas: o Mosteiro ou Convento de Santo Estevo na illa Faro e o Eremitorio na Illa Sur. No século XIX construíronse o Cuartel de Carabineiros do Reino, un cárcere, e dúas fábricas de salgadura. As Cíes mantiveron unha pequena poboación ata medidos do século XX.

As Illas foron declaradas Parque Natural o 17 de outubro de 1980, e o 13 de Xuño de 2002 o Congreso dos Deputados aprobou a creación do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas, que, ademais do arquipélago das Cíes na ría de Vigo, comprende o das Ons na ría de Pontevedra, e Sálvora e Cortegada na ría de Arousa. Dende 1988 as illas teñen ademais a consideración de ZEPA, Zona de Especial Protección para as Aves, e están incluídas no ámbito europeo na Rede Natura 2000, e dende o ano 1992 está prohibida a pesca submarina.

Máis info: páxina do ministerio de Medio Ambiente
Imaxes das Illas


Xunta de Galicia

Museo do Mar de Galicia

Avenida Atlántida 160. 36208 Vigo.
T 986247750
F 986247748
Facebook | Twitter | Contacto | Traballa con nós | Amigos do Museo do Mar