Fotografía de Manuel Vicente Fotografía de Manuel Vicente Fotografía de Manuel Vicente Fotografía de Manuel Vicente



A praza

A praza é o núcleo que vertebra o conxunto de edificios que conforman o Museo.

Desde a pasarela, se volvemos a vista cara ao oeste, observamos o arquipélago das Illas Cíes. Está formado por tres illas (Monte Agudo ou Norte, Faro e San Martiño ou Sur) e varios illotes pequenos (a Agoeira, Penela dos Viños, Garabelos e Ruzo). Desde 2002 forma parte do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.

Na praza atopamos un dos elementos singulares do Museo: o Castro da Punta do Muíño, un poboado habitado desde o século VIII a.C., na Idade do Bronce, até o século I a.C., en pleno período galaico-romano.

No castro as casas son de pedra e teñen forma circular, cun fogar central e dispostas moi xuntas entre si. Pertencen a este momento da primeira ocupación do castro as machadas de talón que están expostas na sala do Peirao; estas pezas serviron como moeda de intercambio comercial entre os pobos da franxa atlántica europea.

Un cubo, escavado na parte máis distante do castro, permite observar o rexistro arqueolóxico pertencente ao século IV antes de Cristo. As tres pedras verticais poderían pertencer a un altar de orixe iberopúnica, onde se atopou cerámica orixinaria do sur de España. O castro abandónase a principios do século I a.C., comezando a aparecer arredor as villae romanas que se dedicaron á salga do peixe, o vínculo lonxano da cidade e a súa comarca coa industria do mar.


Xunta de Galicia

Museo do Mar de Galicia

Avenida Atlántida 160. 36208 Vigo.
T 986247750
F 986247748
Facebook | Twitter | Contacto | Traballa con nós | Amigos do Museo do Mar